Lapbook Ricardo Carvalho


Para as letras Galegas propúxenlle aos alumnos de sexto facer un lapbook. 
A palabra lapbook provén do inglés e literalmente traducido sería “libro con  lapelas”. Un lapbook é un tipo de libro en cartolina que se usa para presentar información sobre un tema.
Dentro dun lapbook colocamos lapelas ou sobres que podemos abrir e así descubrimos moita información en forma de fotos, tarxetas, debuxos, imaxes…  para expoñer un tema específico.
Nesta ocasión o lapbook que propoñemos é a creación dun conto baseándonos nun relato de Ricardo Carvalho Calero. Escollemos a introdución dun relato do noso autor e poñemos a cabeza a crear!
Faremos unha portada que levará como título: Letras galegas 2020, Ricardo Carvalho Calero. Podedes acompañar esta portada coa biografía do autor e/ou un debuxo.
Nas páxinas interiores van uns sobres con tarxetas nas que escribimos os elementos da nosa historia:
•       As personaxes. Poremos tres tarxetas:
  • unha para a protagonista
  • outra para as secundarias e
  • outra para a antagonista (o inimigo).
•       Marco. Aquí colocaremos dúas tarxetas máis:
  • unha para o tempo da nosa historia (por exemplo, durante un inverno, no ano 1982…)
  • e outra para o espazo (por exemplo: un monte, un castelo…)
•       Conflito. Cal é o problema que xorde?
•       Final. Como se resolve?

Na outra folla colocaremos as tres partes da historia: INTRODUCIÓN, NÓ E DESENLACE.  Para iso, dividimos un folio en tres partes e recortámolas (sen chegar á fin). Así quedarannos tres lapelas.

1. INTRODUCIÓN: a introdución é a parte inicial onde se presenta a historia, preséntanse as personaxes e o propósito de cada unha. Nós eliximos a obra Os catro de Ricardo Carvalho Calero:
“Eu queríalles moito aos meus tres irmáns, e sendo como era o primoxénito, dábame diante deles un certo ar inofensivo de persoa maior. No colexio levaba moi boas notas. Gustaba de saír de paseo con meu pai, e facíalle constantemente preguntas. Tomaba moi en serio o que me ensinaban, e cría que todo aquilo era moi útil. Levaba camiño de ser un sabio, e non un home de negocios. Mais, a dicir verdade, aquela a miña verdadeira arela era ser xeneral. Non tiña moitos amigos, e pasaba gran parte dos domingos nun faiado da casa, acoitelando cun bastón un sofá vello. A guerra, para min, era inseparable da esgrima.”

2. NÓ: aquí entras ti. Tes que escribir o nó da aventura que comezou a escribir o noso autor. O nó é a sección que presenta o conflito, onde toman forma e suceden os feitos máis relevantes da historia. O nó é a parte media do conto, que nace a partir da alteración ou da ruptura do exposto na introdución.
3. DESENLACE: agora remata o conto. O desenlace é a parte final onde se resolve o problema exposto entre as personaxes. Sempre hai un desenlace, aínda que nos contos pode haber final aberto, e pode ser ou non un final feliz.
Lembrade que se empregades folios de cores queda máis organizado visualmente.

Mirade os resultados:
Lapbook de Noelia



Lapbook de Pedro







Lapbook de Helena






Lapbook de Antón




Lapbook de Adrián 

Lapbook de Victoria 


Lapbook de Brais


Lapbook de Éric




Lapbook de Breixo

Lapbook de Carolina







Comentarios

Entradas populares