verán


Xa chega o verán, non vou poñer tarefas esta semana. 
Só facervos algunhas recomendacións de lectura para o verán.
E decirvos que de repaso podedes usar os libros dixitais que teñen a licencia ata o 30/09/2020.

Uns pequenos e peludos animais ameazan a Galaxia Oma. Desde o Observatorio Interestelar, os Vixilantes ordenan o exterminio de toda a especie, xa que os bobós, malia o seu adorable aspecto, son seres salvaxes e perigosos. Tan só Quepi, unha estraña nena que vive co seu irmán e o seu avó no planeta Dot, ousa desobedecer o mandato protexendo un bobó tan especial coma ela. Esta arriscada decisión vaina levar a emprender unha incrible aventura xunto co seu irmán Udai, durante a cal desafiarán os límites do universo coñecido.Porque, como diría o avó Acasi, un sol nunca será idéntico a outro sol, pero a súa luz é igual de necesaria. Porque todos provimos dun mesmo, único e primeiro latexo.


Cando Xelís descubriu aquela botella de mar na regaña máis agochada da Punta de Bruaboi, decatouse de que algo extraordinario estaba a piques de acontecer. Unha gran mancha de plásticos, que navegaba errática polos océanos, deu en ameazar a illa de Otlic e puxo en perigo os seus habitantes. Os grandes guieiros da natureza non saben como actuar. Xelís inicia entón unha arriscada viaxe no lombo do mascato Mult ata as inmediacións do círculo polar ártico, onde coñecerá a Ilva, o avó Jónas e a súa extraordinaria fábrica de luz. Xuntos emprenderán a dura tarefa de atrapar a illa de plásticos para evitar a desfeita ecolóxica do planeta.Serán capaces de facelo? Como podes axudalos ti? Únete a esta fantástica tribo na apaixonante aventura de salvar os océanos!


Xa non existe a Era Superficial no planeta Terra. Tras o Gran Cataclismo, a humanidade sobrevive soterrada nas Colmeas, estruturas elípticas con minúsculos cubículos hexagonais onde dormen os seus habitantes. Iolanda é unha adolescente que, xunto a súa filla e o seu curmán, vive nunha destas Colmeas baixo a tiranía da Raíña e a escaseza de auga, un ben que se converteu no artigo máis prezado do mundo e polo que a xente é mesmo quen de matar. Iolanda sábeo: a estraña aparición dun cadáver desencadea unha 
serie de acontecementos que farán que xa nada volva ser o que era.

Estación de tren de Ribadavia, verán de 1943. Günter busca ascender na Gestapo destapando unha trama internacional que axuda os xudeus a chegar a Portugal e abandonar Europa. Lola é unha muller brava e xenerosa, que cre na xustiza por riba de todo e arrisca a vida por axudar a quen o necesita. Frieda foxe da Holanda nazi e do seu pasado, arelando empezar unha nova vida en América como directora de orquestra. Tempos difíciles onde o medo e o silencio tecen unha rede de segredos e intrigas cun fin último: a liberdade.Novela a tres voces que explora, entre ficción e realidade, un capítulo pouco coñecido do noso pasado recente: Galicia durante a II Guerra .
Iridium é unha historia de amor. Ou é unha historia de discriminacións e inxustizas. Ou é unha historia sobre a amizade máis aló das dificultades. Ou é unha historia sobre unha raíña do Instagram e un malote moi malo.

E un cómic interesante


En 1870 fixéronse varias reformas na Torre de Hércules. Durante estas tarefas hai algúns antigos taboleiros de madeira escritos polo arquitecto do faro. Isto revelará un antigo segredo relacionado co lendario líder militar Breogán e coa antiga cidade de Brigantia. O poeta Eduardo Pondal e o intrépido bandido Antón Dedo d´Ouro coincidirán nesta perigosa aventura ante un sinistro grupo de carlistas e membros da igrexa que esconden algo en relación co descubrimento. Conseguirán Pondal e Antón desentrañar o misterio da tumba de Breogán?

Comentarios

Entradas populares